29 sept 2005

lume diglósico



desde pequena, como boa galega, levo vendo arder o monte cada verán. No mes de agosto, antes de comezar as chuvias, o lume aparecía na curota do monte, contra a tardiña, en días de sol e de nordés. Son os das eguas, dicía a xente. Queiman o monte para que lle veña o toxo novo. Eu entendía. Os das eguas eran os da montaña (dous kilómetros máis adentro) que botaban as bestas a pacer ceibes e querían asegurarlles o pasto do ano seguinte. O perigo era que o lume chegase aos prados. Por iso, os do lugar acudían a atallalo antes de que ocorrese. Ás veces conseguíano, outras, non. E a madeira queimada acababa nos tractores camiño dos serradoiros.

De pequena, para min, os responsables do lume eran os das eguas.
E algún que outro que aplicaba a frase de "préndelle lume" cando queria limpar unha finca. Coma se o lume soubese onde tiña que morrer.

Despois comezou a arder máis a miúdo dentro da superficie arborada do monte, queimas que só beneficiaban aos madeireiros por máis que eles dixesen que non lles compensaban os pinos queimados.

E máis despois, ardía e ardía, non só en agosto, e xa ninguén acudía ao monte a atallalo. Apareceron os hidroavións, os helicópteros, os bombeiros, protección civil...e a xente agardaba, se acaso dando conta das casas.

Até houbo quen afirmou ver algún artefacto extraño caer dende un avión...

Xa non eran só os das eguas, nin os "préndelle lume", nin os madereiros. No meu micromundo había alguén máis que se ía beneficiar do monte queimado. Tan aló arriba, nas curotas dos montes, tralo pedregal, non podían ser intereses urbanísticos. Sería de tolos.

Logo quén??

Para sabelo, non tendes máis que percorrer a costa da morte e mirar os perfís dos montes (xa dixen que falo do meu micromundo)

Agora, xa calquera prende lume.