17 mar 2005
As laranxas máis laranxas...
Hai noticias coma esta que dan que pensar, e que comer, pois son dunha variedade, "a flor de kent", comestible, e tanto se poden tomar crúas coma en compota.
Se esta mazaira descende daquela outra que deixou caer o seu froito na cabeza de Newton...
na horta de atrás da casa de miña nai, hai unha laranxeira cargadiña de laranxas que tamén ten pedigrí.
É filla doutra que había na horta de miña avoa, en Fisterra, e que nacera das pebidas dunhas laranxas que viñeran dar á praia, un día deses de mal tempo en que os barcos soltan sen remedio a metade da carga, cando non toda (pensándoo ben, iso era antes, porque agora tan só deixan un regueiro negro detrás), e da que daban conta máis tarde os veciños gracias a esa outra arte de pesca, coñecida como ir ás crebas, e que consiste en recoller todo o que bota o mar para terra e que se poda aproveitar.
E as laranxas tanto que se aproveitaron, que ata deron fillas e netas, e aínda que teñen unha tona gorda, de cor amarela que semella a dos limóns, soltan un zume doce e son la mar de saborosas.
Hai quen pon o maxín a funcionar e búscalle tres pés ao gato.
E hai quen ten máis sentidiño e conta o que hai.